Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta aboou no 2015 preto de 9,2 millón de euros destinados á xustiza gratuita na nosa comunidade


Alfonso Rueda mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta do Consello de Avogacía Galega, Nieves Santomé, e os decanos dos Colexios de Avogados

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda trasladou hoxe aos representantes dos Colexios de Avogados da nosa comunidade, que o goberno galego abonou durante o pasado ano, preto de 9,2 millóns de euros para a xustiza gratuíta.

Alfonso Rueda, acompañado do director xeral de Xustiza, Juan José Martín mantivo hoxe unha xuntanza coa presidenta do Consello de Avogacía Galega, Nieves Santomé, e os decanos dos Colexios de Avogados de Galicia, onde lle trasladou os datos relativos á xustiza gratuíta na nosa comunidade no período 2015. O titular da Vicepresidencia indicou ademais, que no mesmo período, o goberno galego pagou máis de 1,2 millóns de euros correspondentes ao 8 por cento devengado de anos anteriores.

Rueda lembrou que o pasado ano, no Pleno da Conferencia Sectorial da Administración de Xustiza, o Ministerio de Xustiza comprometeuse ao reparto dun fondo de 6 millóns de euros, para as comunidades autónomas con competencias transferidas en materia de Xustiza. Na reunión da Conferencia Sectorial todas as autonomías aceptaron de xeito unánime os criterios de distribución, polo que a Galicia lle corresponderon arredor de 350.000 euros dese fondo, que o goberno galego destinou basicamente á mellora da asistencia xurídica gratuíta, que conleve un incremento de garantías dos dereitos dos cidadáns.

Compromiso ca Asistencia Xurídica Gratuíta
A Xunta mantén o firme compromiso coa Asistencia Xurídica Gratuíta, ao considerala un servizo fundamental para garantir a igualdade de condicións de todos os cidadáns no acceso á Xustiza. Dentro desa aposta está a celeridade no pago aos avogados da quenda de oficio, que actualmente está en 18 días desde a xustificación dos asuntos. Esta rapidez contrasta coa media de case tres meses coa que se facía antes de 2009, é dicir, tres meses contra menos dun mes.

No tocante ás melloras dos últimos anos, unha das medidas máis salientables foi a comunicación telemática entre os colexios profesionais e a Administración. O acceso telemático ás bases de datos do Catastro, da Seguridade Social a da Axencia Estatal de Administración Tributaria por parte das comisión de AXG axilizou a resolución das solicitudes do dereito. Tamén se modificou o modelo de solicitude de asistencia xurídica gratuíta, os soportes no que os colexios profesionais deben enviar a xustificación dos asuntos certificados, e introducíronse melloras nos procedementos de certificación e xustificación das compensacións económicas.